Friday 03 de May de 2024

Adxudicación provisional das obras para concluír o Centro Social de Carreira


O importe da actuación ascende a 213.100 euros

O Concello de Riveira informa da adxudicación provisional das obras necesarias para a finalización do Centro Social Multiusos de Carreira.

A empresa clasificada en primeiro lugar resultou ser Fonsan Gestión y Construcción, S.L., cun importe de 213.100 euros, IVE incluído. O prazo de execución son catro meses. Había nove empresas presentadas.

Conforme ao proxecto técnico elaborado, o que se pretende é proceder ao remate do recinto levando a cabo os acabados, instalacións de telecomunicacións, acometidas e urbanización exterior.

Previamente, xa foron efectuadas a estrutura, pechamentos exteriores, cuberta e instalacións de fontanería, saneamento e electricidade segundo o proxecto técnico redactado polo arquitecto Ángel Cid. Cómpre lembrar que a infraestrutura foi iniciada polo obradoiro de emprego Vionta no 2013 e continuou no 2014 polo novo obradoiro Tahume, dando lugar nos anos seguintes a novas actuacións, a última das cales tivo lugar no pasado outono de 2016 coa execución da cuberta e impermeabilización cun investimento de 57.959 euros.

Unha vez remate esta obra, a instalación, de 268 metros cadrados útiles vai estar formada por dous volumes unidos, un dos cales consistirá nun local diáfano capaz de aloxar diferentes actividades da comunidade e o outro que dará cabida a unha cafetería e aos servizos comúns.